Impulso ao balonmán feminino na comarca: Cisne e Poio Artai buscan xogadoras

Pontevedra
07 de xuño 2023

Os dous clubs abriron un proceso de captación de xogadoras para impulsar unha estrutura feminina da que actualmente carecen

Cartel do Club Cisne anunciando as xornadas de captación de xogadoras Club Cisne Balonmano

Paso adiante no balonmán da comarca para impulsar novos equipos integramente femininos que axuden a completar a formación das xogadoras que, ata o de agora, se atopaban cun tapón cando avanzaban nas categorías mixtas de formación.

Dous novos proxectos neste sentido están en proceso de xestación, por unha banda co Club Cisne Balonmán e por outro co BM Poio Artai.

No caso do Cisne, a entidade pontevedresa anunciou que "buscamos guerreiras", cumprindo o obxectivo marcado pola entidade de medrar coa creación dunha estrutura feminina.

O Cisne habilitou unhas xornadas de captación para diferentes idades, que terán lugar do 7 ao 20 de xuño. En primeiro lugar para deportistas nadas nos anos 2015, 2016 e 2017 poderán probar de maneira gratuíta o mércores 7 no pavillón Multiusos e os días 12 e 14 no Municipal, de 17.00 a 18.00 horas, mentres que para as nadas nos anos 2013 e 2014 habilitáronse as mesmas xornadas e localizacións pero en horario de 18.00 a 19.00 horas.

Por último as xogadoras nadas entre o 2010 e o 2012 poderán probar durante catro xornadas no pavillón do Frei Martín Sarmiento. Será os días 8, 13, 15 e 20 de xuño en horario de 19.30 a 20.30 horas.

BALONMÁN POIO ARTAI

No caso do Poio Artai, a entidade deportiva confirmou recentemente a súa intención de crear un equipo sénior feminino, no que consideran "un fito para a historia do club".

Co seu plantel aínda sen pechar, o Poio Artai facilita os seus datos de contacto para todas aquelas xogadoras que queiran sumarse ao proxecto, podendo contactar a través das redes sociais (@bmpoioartai) ou a través do correo electrónico edpoiobalonman@gmail.com.