Un a un os futbolistas que terminaban a súa vinculación no Pontevedra Club de Fútbol sen recibir oferta de renovación ou descartando a súa continuidade na casa granate van atopando novo acomodo.
O último ata a data foi Imanol García, tras confirmarse a última hora do luns a súa fichaxe polo Club Deportivo Alcoyano.
O centrocampista navarro é o quinto xogador que fai as maletas e abandona Pasarón por un equipo da Primeira RFEF, tras Eneko Zabaleta (CD Calahorra), Xisco Campos (Zamora), Jorge Fernández (Zamora) e Borja Martínez (CD Castellón).
Imanol aterrou hai un ano no Pontevedra converténdose nunha peza básica no equipo tanto para Jesús Ramos como para Luisito no centro do campo.
Así o demostra que na súa etapa granate disputou 25 partidos, todos eles como titular. Ademais anotou dous goles, fronte ao Compostela a domicilio e ante o Coruxo en Pasarón.