A confirmación de Jesús Ramos como adestrador do primeiro equipo do Pontevedra obrigou ao conxunto granate a realizar unha reestruturación do corpo técnico para a tempada que está a piques de comezar. O técnico marinense comezara a tempada 2019/2020 como segundo adestrador de Luismi, logo de Pouso, e como coordinador da base. O cesamento de ambos os técnicos colocou ao preparador á fronte do primeiro equipo e os seus bos resultados convenceron á directiva para darlle de forma oficial o temón da nave granate.
O seu ascenso deixou ocos no corpo técnico que coa volta aos adestramentos comezan a completarse. O principal nomeamento é o do seu segundo adestrador, un vello coñecido de Pasarón e un trotamundos do fútbol pontevedrés. Ibrahim Baptiste será a man dereita de Jesús Ramos despois de varias campañas na base do equipo granate, a última delas á fronte do xuvenil A.
Baptiste chegou a Pontevedra procedente do Nantes francés no ano 2005 como un técnico e prometedor dianteiro. Con todo, nunca logrou continuidade nin con Argibay nin Javi Gracia. Abandonou a disciplina granate e tras experiencias en equipos como L'Hospitalet ou Coruxo acabou regresando a Pontevedra, cidade á que se adaptou desde a súa chegada, para formar parte de equipos humildes como o Portonovo ou o Marcón, mentres se formaba como técnico.
Da preparación física ocuparase Adrián González, que xa colaborou a campaña pasada co primeiro equipo encargado da área de metodoloxía e tamén con experiencia na base do equipo.
O adestrador de porteiros seguirá sendo Moncho Martínez, encargado deste departamendo específico desde a última época do club en Terceira División.
No apartado de saúde, a marcha do fisio Manu Barros será reemplazada por Borja Ríos, que xa colaboraba de forma habitual durante as campañas anteriores co anterior titular desta praza. O doutor Barragáns, pola súa banda, seguirá sendo o médico do primeiro equipo do Pontevedra.
Aínda que a repartición de áreas está definido, o traballo para realizar polos técnicos é amplo e a colaboración entre eles e noutras áreas do club será necesaria. "Todos somos moi versátiles e facemos moitas máis cousas", puntualiza o adestrador do Pontevedra, Jesús Ramos.