Hugo Casañas, de récord en récord

Pontevedra
12 de febreiro 2024

O deportista pontevedrés do Atletismo Rías Baixas bateu a fin de semana, de novo, a plusmarca nacional sub-16 de lanzamento de peso superando o seu anterior rexistro en 71 centímetros excedendo a barreira dos 21 metros

Hugo Casañas tras bater en Ourense o récord de España sub-16 de lanzamento de peso Federación Galega de Atletismo

Aínda ten 14 anos e a súa progresión non deixa de asombrar cada día.

Hugo Casañas segue escalando cara ao ceo do atletismo nacional e internacional ao ritmo que o fan as súas marcas, a un nivel impropio da súa idade.

Así o volveu a demostrar o deportista pontevedrés do Atletismo Rías Baixas no Campionato Xunta de Galicia Sub-16 en Pista Cuberta celebrado a fin de semana en Ourense.

Alí Casañas, discípulo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva do seu pai o olímpico Frank Casañas, volveu bater o récord de España sub-16 de lanzamento de peso.

Esta mesma tempada conseguira a plusmarca nacional sub-16 desta discicplina nunha proba disputada en Portugal, pero en Ourense logrou ir aínda máis lonxe, tanto como 71 centrímetros máis para superar a barreira dos 21 metros (21,01 metros). Unha mellora que é toda unha barbaridade e que, faltaría máis, valeulle a medalla de ouro do campionato.

Cabe lembrar que ademais do lanzamento de peso, Hugo Casañas é tamén recordman nacional de lanzamento de disco na mesma categoría sub-16. Un diamante en bruto que púe desde Pontevedra o Atletismo Rías Baixas.