Homenaxes, recollida de xoguetes e fútbol sala na despedida do ano do Poio Pescamar

Poio
20 de decembro 2019

O conxunto vermello afronta este sábado (18:30 horas) a última xornada de liga de 2019 e da primeira volta recibindo na Seca o Sala Zaragoza coa intención de lograr tres puntos que lle fagan chegar ao parón en posto de play-off polo título

Silvia Aguete, Antía Pérez e Caridad García na Gala de Fútbol Sala da RFEF Poio Pescamar FS

Última xornada ligueira do ano e da primeira volta para un Poio Pescamar que quere agarrarse á cuarta praza que dá dereito a final de tempada de disputar o  play-off polo título.

Un triunfo este sábado (18:30 horas) na Seca ante o Sala Zaragoza permitiría ao equipo adestrado por Raúl Jiménez chegar ao parón do Nadal cos deberes feitos e situadas nesa situación de privilexio.

Será unha xornada especial en Poio, primeiro pola recente homenaxe a varias das súas xogadoras na II Gala de Fútbol Sala organizada pola Real Federación Española de Fútbol. En Las Rozas Silvia Aguete recibiu por segundo ano o premio que a recoñece como mellor gardameta da liga. Ademais foi agasallada do mesmo xeito que a súa compañeira Caridad García cunha réplica da Eurocopa conquistada coa selección nacional.

Na gala tamén estivo presente Antía Pérez, en pleno proceso de recuperación tras ser operada do seu xeonllo, como capitá do equipo nacional que competiu nos Xogos Olímpicos da Mocidade.

Por último, ademais do deportivo, a última xornada de 2019 terá un compoñente solidario na Seca, xa que o Poio Pescamar aproveita a cita para organizar coa colaboración do Concello de Poio unha recollida de xoguetes novos ou usados que será entregados aos servizos sociais.