Héctor Hernández está "de volta" no Pontevedra

Pontevedra
24 de outubro 2024

O futbolista granate, lesionado na primeira xornada, completou toda a semana co grupo e está preparado para competir. A súa volta "ábrenos moitas posibilidades" asegura Yago Iglesias

Héctor Hernández, adestrando co Pontevedra na Xunqueira
Héctor Hernández, adestrando co Pontevedra na Xunqueira Mónica Patxot

"I'm back". Con esta mensaxe nas súas redes sociais Héctor Hernández celebrou o seu regreso, para todos os efectos, co grupo.

O lateral, lesionado na primeira xornada de liga, leva días encadeando adestramentos completos e está en disposición de volver competir, aínda que non teña recibido a alta médica de maneira oficial.

Así o explicou este xoves en rolda de prensa o adestrador do Pontevedra, Yago Iglesias, avanzando que "temos que falar cos servizos médicos se nos dan o O.K. para poder introducilo na convocatoria", xa esta mesma semana no desprazamento a Guijuelo.

"O que falamos con el é que ten boas sensacións", afirma o técnico.

O seu regreso, analizou o preparador granate, "ábrenos moitas posibilidades, dános máis variantes e opcións de rotación sobre todo na liña defensiva que nas últimas semanas iamos collidos con pinzas".

Un aspecto importante "sobre todo esta semana que é complicada con partido sábado, mércores Copa e domingo de novo liga co Avilés".

A situación da enfermaría, na que só se mantén Churre tras a súa grave lesión de xeonllo, centrou unha comparecencia na que valorou ademais o desprazamento deste sábado 26 de outubro (17.00 horas) ao campo do Guijuelo.

"A dificultade que ten o seu terreo de xogo, como compiten alí, o incómodos que fan sentir a todos os rivais que pasas por alí... Somos conscientes de onde imos, contra quen nos imos a enfrontar, o tipo de partido que nos imos a atopar e tamén creo que temos moi claro o partido que queremos facer", sinalou Yago Iglesias respecto diso.