A estadounidense Heather Forster cumprirá un cuarto ano defendendo as cores do Arxil. O conxunto pontevedrés acaba de facer oficial a renovación da pivote que o pasado curso foi a quinta mellor reboteadora da categoría.
Aos seus 24 anos, esta xogadora de 188 centímetros de altura demostra con esta renovación o seu compromiso co Arxil e a súa ambición. "A miña meta para o equipo é gañar e ascender a Liga Challenge", dixo tras asinar o seu novo contrato recoñecendo a espiña que ten cravada aínda da pasada campaña na que quedaron ás portas do ascenso.
Para conseguilo, asume que tanto a nivel colectivo como individual deben mellorar diversos aspectos. "Quero mellorar no meu xogo exterior con máis tiros e penetracións", recoñece a norteamericana.
Ao longo da súa traxectoria no Arxil, Forster promediou en cada partido unhas cifras de 11,1 puntos, 10,1rebotes, e, na última campaña, 15,8 puntos de valoración.