Só leva uns meses competindo como deportista paralímpico, pero a progresión de Gustavo Dacal non parece ter fin.
O atleta pontecaldelano foi un dos grandes protagonistas do Campionato de España de Clubs de Atletismo para persoas con discapacidade celebrado na localidade madrileña de Alcobendas.
Alí, Dacal non só se fixo co primeiro posto no lanzamento de xavelina adaptada (categoría F.55), senón que bateu o récord de España.
O que fose plusmarquista nacional absoluto de xavelina na súa etapa como atleta profesional, logrou lanzar a xavelina ata os 29.20 metros, establecendo un novo rexistro histórico a nivel nacional.
Cabe destacar que unha semana antes, no Campionato de España por Comunidades Autonónomas, xa se impuxo cun mellor intento de 26.58 metros, sete metros máis que o segundo clasificado.
O novo récord de España conseguido por Gustavo Dacal supón ademais a terceira mellor marca mundial do ano na súa categoría, segundo revelou o adestrador Gonzalo Méndez.