O ciclismo pontevedrés seguirá tendo un ano máis un representante no pelotón profesional portugués.
Guillermo García Janeiro prolongou a súa vinculación por unha tempada co Radio Popular Paredes Boavista, que fala del como "unha sopresa moi positiva na Volta a Portugal", na que revelou "un forte espírito de equipo". Por ese motivo desde a escuadra lusa esperan que siga mellorando o seu rendemento e progresión.
Con 22 anos, García Janeiro foi o membro máis novo do seu equipo na citada Volta a Portugal na que "cumpriu de forma soberbia todo o que se lle pediu".
En canto ao protagonista, o pontevedrés recupérase actualmente dunha rotura de clavícula que sufriu adestrando, pero estará plenamente recuperado para o inicio da nova tempada.
"Estou encantado co equipo e cos meus colegas. Estou moi satisfeito de segur unha tempada máis e espero este ano gozar dalgunhas oiportunidades", explicou pola súa banda Guillermo García Janeiro.