O Efapel de Portugal deulle a oportunidade ao pontevedrés Guillermo García Janeiro de estrearse no pelotón ciclista internacional.
O deportista da Boa Vila comprometeuse ata final de tempada cun dos mellores equipos lusos, co obxectivo de gañar a confianza dos responsables da formación e poder demostrar a súa valía.
"Aínda non mo creo", recoñece García Janeiro. "É polo que levo soñando desde que mo empecei a tomar en serio", sinala o ciclista sobre un reto no que "me están poñendo a proba, pero din que están contentos co meu traballo e a ver se para o ano queren seguir contando comigo".
Guillermo debutou coa camisola amarela fosforito do Efapel nunha carreira en Viana do Castelo, e tamén correu xa a Volta a Portugal do Futuro que o seu equipo gañou con André Domingues.
Desta forma o ex-corredor do Froiz e esta tempada do Club Ciclista Farto, tras frustrase a súa saída a un equipo francés, segue os pasos doutros ciclistas galegos que toman a vía portuguesa para explorar o profesionalismo. "É unha boa opción para saír, darse a coñecer e meter a patita en profesionais a ver como se corre", asegura.
Aínda se atopa en fase de adaptación á nova categoría, porque "se vai moi moi rápido", explica, algo do que "me dei xa conta na primeira carreira, facendo de saída case 50 de media con costas e curvas, e iso en amateurs poucas veces ou ningunha ocorre".
En todo caso "estou en modo esponxa, aprendendo todo o que podo e máis", defende Guillermo García Janeiro, que no seu equipo conta con ex-corredores World Tour en equipos como o Movistar ou o Bahrain. Todo un máster acelerado que espera lle axude a seguir crecendo sobre a bicicleta.