Novo reto para o ciclista pontevedrés Guillermo García Janeiro, que se comprometeu para as dúas próximas tempadas por un dos equipos punteiros do pelotón profesional portugués, o recentemente bautizado Sabgal Anicolor.
Trátase da escadra coa que xa deu o salto ao ciclismo profesional fai tres anos, pero por entón denominábase Efapel e despois pasou a chamarse Glassdrive.
"Estou súper motivado", recoñece García Janeiro ante o que se lle vén por diante e por volver a unha formación "á que lle teño un gran agarimo".
Será en todo caso un salto de calidade na súa carreira, ou iso espera, porque "os obxectivos van ser moito máis ambiciosos e vou ter que poñer as pilas para estar á altura do equipo", sinala o pontevedrés consciente do que se espera del.
Así se reflicte de feito nas palabras do seu novo director e responsable deportivo do Sabgal Anicolor, Rúben Pereira, quen asegura que "Guillermo ten algo especial. Ten unha marxe de evolución bastante grande e aposto que o próximo ano vai ser un corredor importante no equipo a nivel de traballo".