Os Xogos Olímpicos de París 2024 xa están aquí, e a comarca de Pontevedra estará representada cun bo número de deportistas e claras aspiracións a medalla nalgunhas disciplinas. Pero, cando e a que hora competirán os deportistas olímpicos pontevedreses?
A primeira en entrar en acción será Teresa Abelleira coa Selección Española de Fútbol, antes mesmo de que Támara Echegoyen participe como abandeirada de España na cerimonia inaugural no río Sena prevista para este venres 26 (19.30 horas).
No caso de Tere, debuta este mesmo xoves 25 (17.00) co partido entre España e Xapón. Ademais a selección de fútbol completará a primeira fase xogando o domingo 28 (19.00 horas) fronte a Nigeria e o mércores 31 de xullo (17.00 horas) contra Brasil. De avanzar aos cruces eliminatorios, Abelleira afrontaría os cuartos de final o 3 de agosto, as semifinais o día 6, un eventual partido polo bronce o 9 de agosto (15.00 horas) ou a final polo campionato o 10 de agosto (17.00 horas).
No que respecta a a flamante abanderada española, Támara Echegoyen entrará en competición o domingo 28 de agosto coas tres primeiras regatas previstas do 49erFX de vela, categoría na que foi cuarta tanto en Río 2016 como en Tokyo 2020 e na que volve aspirar ao máximo. A regatista pontevedresa completará 12 mangas, a tres por xornada, empezando o citado día 28 e seguindo o 29, 30 e 31 de xullo, coa decisiva Medal Race prevista para o xoves 1 de agosto (15.43 horas) na Marina de Marsella.
O piragüismo será o deporte que congrege unha maior participación de deportistas pontevedreses, co martes 6 de agosto como data marcada en vermello no calendario. Ese día empezarán as series de clasificación. Tere Portela e Carolina García serán as primeiras en estrearse nas series do K-4 500 que comparten con Sara Ouzande e Estefanía Fernández (10.00 horas). Ademais Carolina García repetirá a partir das 12.10 horas nas quendas do K-2 500 coa asturiana Sara Ouzande, cos cuartos de final en caso de ser necesario ás 14.10 horas). As semifinais e final do K-4 están programadas para dous días despois, o xoves día 8 de agosto (11.40 e 13.40 respectivamente), mentres que o K-2 decidirá as medallas o venres día 9 (10.50 as semifinais e 13.10 horas a gran final).
A por todas irán na canoa Antía Jácome, con dobre participación. Empezará co C-2 500 que comparte coa madrileña María Corbera e que xa foi subcampión do mundo. Ambas as dúas remarán as series clasificatorias o martes 6 de agosto (11.00 horas) con cuartos de final de ser necesario (13.20 horas). Neste caso a loita polas medallas olímpicas dirimirase o venres 9 coas semifinais ás 10.30 horas e a final ás 12.50 horas. No que respecta a a canoa individual, o C-1 200, as series están programadas para o 8 xoves de agosto (10.30 horas) do mesmo xeito que os cuartos de final (12.40). Tanto a semifinal do C-1 como a final disputarase o sábado 10 (11.40 e 13.50 respectivamente).
Completa a armada de piragüismo Pablo Crespo no C-1 1.000 metros. O recentemente proclamado subcampión mundial sub-23 nesta mesma proba afrontará as series clasificatorias e cuartos de final o mércores 7 de agosto (11.40 e 14.40 horas), con semifinais e final previstas para o día 9 de agosto (11.30 e 13.50 horas respectivamente).
Ademais o deporte pontevedrés estará pendente da atleta Antía Chamosa, preseleccionada polo equipo nacional de marcha. Antía estará en París coa vista posta á nova carreira de remudas mixtas de marcha, que se disputará o mércores 7 de agosto, pero o seleccionador español non decidirá a composición das dúas parellas que competirán por España ata despois das probas individuais de 20 quilómetros, nas que non estará Chamosa e que se disputarán o 1 de agosto.
Outros deportistas a seguir serán os cangueses Rodrigo Germade (K-4 e K-2 de piragüismo) e Rodrigo Corrales (balonmán), o moañés Rodrigo Conde (remo), o madrileño afincado hai anos na comarca Diego Domínguez, do Breogán do Grove (C2-500 de piragüismo), ou o vigués Antonio Serrat (tríatlon), que durante anos preparouse a diario no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.