Gran debut do TM Monte Porreiro que inicia a liga con vitoria fronte o Leganés

Pontevedra
29 de setembro 2019

O Tenis de Mesa Monte Porreiro viaxou a Madrid para disputar o primeiro encontro da nova tempada na Superdivisión masculina. Por parte do conxunto de Pontevedra xogaron Martín Bentancor, Horacio Cifuentes e Guillermo Martínez

Horacio Cifuentes, no partido entre o Visit Pontevedra e o Hispalis (archivo) Diego Torrado

O Tenis de Mesa Monte Porreiro viaxou a Madrid este sábado para disputar o primeiro encontro da nova tempada na Superdivisión masculina fronte o Leganés, ao que derrotaron por 2-4.

O primeiro partido disputárono Guillermo Martínez, nova incorporación do Visit Pontevedra, fronte ao ruso Ramil Mutygullin, que defendía ao conxunto madrileño. Foi este o que empezou adiantándose no marcador pero, a pesar da súa potencia, Guillermo logrou remontar cun xogo curto e seguridade (1-2). Finalmente, Ramil reaccionou e impúxose por 3-2.

A continuación chegou a quenda de Horacio Cifuentes e Martín Bentancor que lograron vencer por 3-0 a Libre Sancho e Filatov, respectivamente. Desta maneira, o conxunto pontevedrés adiantábase e poñía o 1-2 no marcador xeral.

Os números un de ambos os equipos xogaron a continuación. Novamente saían á pista o arxentino Horacio Cifuentes, para defender ao conxunto galego, e o ruso Mutygullin para facer o propio para os madrileños. Nos dous primeiros sets impúxose o Visit con autoridade e contundencia pero o ruso reaccionou a tempo para darlle a volta ao luminoso e acabar vencendo por 3-2.

Co 2-2 no xeneral, aínda quedaban dous partidos por disputar.

Novamente chegaba a quenda de Guillermo. Nun encontro moi igualado ante Filatov, logrou impoñerse por 3-2 mentres que Bentancor facía o mesmo fronte a Sancho e gañaba por 3-1.

Con esta vitoria, o equipo pontevedrés consegue dous puntos moi importantes para afrontar con optimismo a que esperan que sexa unha dura tempada.