Gómez Noya, sexto en Edmonton, mantense terceiro nas Series Mundiais de tríatlon

Pontevedra
30 de xullo 2017

O triatleta galego, fincado desde hai anos en Pontevedra, quedou esta vez lonxe da vitoria. Foi sexto nunha carreira dominada polo mallorquino Mario Mola, que se afianza no liderado dun mundial que roza coa punta dos dedos, salvo desfeita maiúscula

Gómez Noya, Fernando Alarza e Mario Mola, nunha proba das Series Mundiais ITU Media

Xa o dicía recentemente en Pontevedra. O seu obxectivo é o mundial de media distancia que se celebrará dentro de mes e medio. Ata esa cita, Javi Gómez Noya tómase as competicións nas que participa como preparación. Así foi na proba das Series Mundiais disputada este sábado en Edmonton (Canadá).

O triatleta galego, fincado desde hai anos en Pontevedra, quedou esta vez lonxe da vitoria. Foi sexto nunha carreira dominada polo mallorquino Mario Mola, que se afianza no liderado dun mundial que roza coa punta dos dedos, salvo desfeita maiúscula.

A proba decidiuse, como estaba previsto, na carreira a pé. Ata entón, apenas houbo distancia entre os favoritos. Todos eles saíron xuntos da auga e no segmento ciclista, a pesar de que os triatletas españois atrasáronse lixeiramente, lograron neutralizar a súa desvantaxe e alcanzar aos seus rivais antes da segunda transición.

Pero nos cinco quilómetros de carreira, todo cambiou. Mola e Gómez Noya, acompañados de Richard Murray e Jonathan Brownlee, levaron a iniciativa e, tras un cambio de ritmo do mallorquino, quedou claro que a vitoria ía ser súa.

Entrou en meta cun tempo de 54:41, logrando a súa cuarta vitoria da tempada. Javi Gómez Noya entrou en sexta posición, a 33 segundos de Mola

Con este resultado, o ránking das Series Mundiais está liderado por Mario Mola con 3.664 puntos. Fernando Alarza, noveno en Canadá, é segundo con 3.172 e Javier Gómez Noya mantense terceiro con 2.990 puntos.

A próxima cita será o domingo 6 de agosto en Montreal.