Javi Gómez Noya situouse como líder das Series Mundiais de Triatlón despois de finalizar en segundo lugar a cuarta proba do campionato celebrado en Madrid, só superado polo británico Jonathan Brownlee, que repetiu o triunfo da tempada pasada na Casa de Campo e co ruso Ivan Vasiliev en terceiro lugar.
Gómez Noya, que chegou a meta a 50 segundos do menor dos irmáns Brownlee, suma así o seu terceiro podio da tempada nas Series Mundiais, nas que encabeza a clasificación seguido do portugués Joao Silva e o español Mario Mola, que finalizou en cuarto lugar en Madrid.
A carreira decidiuse nun cara a cara final entre os dous primeiros no tramo final de carreira a pé, despois dun segmento de natación igualado e un tramo de bicicleta no que se fixo unha selección de cinco corredores con Brownlee, Gómez Noya, Ivan Vasiliev, Alessandro Fabian e Aaron Royle.
A próxima cita do Mundial, quinta do calendario, disputarase o próximo 6 de xullo en Kitzbühel (Austria).