Gómez Noya preparará en Pontevedra o seu asalto ao ouro olímpico

Pontevedra
09 de marzo 2020

O triatleta participou este luns nun almorzo informativo na sede do COE en Madrid na que afirmou que sente preparado para conseguir a medalla de ouro na Xogos Olímpicos que terán lugar este verán en Tokio

O triatleta Javier Gómez Noya respondeu as preguntas da prensa despois do adestramento realizado na contorna da sede do COE en Madrid Banco Santander

Javier Gómez Noya xa ten a mente en Tokio. O pentacampeón do mundo mantivo este luns un almorzo informativo na sede do Comité Olímpico Español en Madrid promovida polo programa #123 aCorrer do Banco Santander, do que o deportista galego é embaixador. Durante a charla, o triatleta recoñeceu que o seu maior obxectivo da tempada é o ouro olímpico e que a preparación para os Xogos de Tokio realizaraa na súa casa de Pontevedra.

Os adestramentos na cidade do Lérez alternaraos co seu concurso en probas das World Series, a máis inmediata será en Bermudas o próximo 18 de abril. Con todo, o medallista de prata nos Xogos de Londres do 2012 non descarta participar "nalgunha proba local para manter o ton competitivo", pero a súa intención é "descansar en casa, en Pontevedra, para preparar ao máximo o mes de xullo", matizou.

Unha das claves para alcanzar o éxito na cita olímpica do próximo verán será a preparación mental. "Se queres gañar, tes que crer que podes. Tes que adestrar e convencerte de que o podes facer. Teño xa unha prata olímpica, pero non vou renunciar ao ouro a día de hoxe”, respondeu a preguntas dos xornalistas.

Tampouco lle asusta a irrupción de novos triatletas. "Segundo pasan os anos aparecen rivais novos e xente nova que vén moi forte, pero a experiencia é algo moi importante. Estou centrado en mostrar a miña mellor versión o próximo 27 de xullo”, expuxo Gómez Noya.

Ademais de atender as preguntas da prensa, o evento promovido por un dos patrocinadores do mellor triatleta español incluíu un breve clínic de adestramento impartido polo propio Gómez Noya aos profesionais da información. Entre bromas e ao finalizar o acto, o pentacampeón do mundo admitiu que "están moi ben preparados, algúns gravaban e entrevistaban mentres corriamos".