Gómez Noya pasa ao Ironman: "Quizais o ano que vén poida ser un bo ano para tentar Hawaii"

Pontevedra
05 de outubro 2017

Así o desvelou o triatleta nunha visita á escola deportiva do Tríatlon Ferrol, que leva o seu nome. Centrará a súa preparación e calendario de 2018 na longa distancia, pero "non descarto os Xogos de Tokyo", recoñeceu ante os medios de comunicación. O seu paso á longa distancia coincide co ano no que Pontevedra organizará o Campionato de España, previo paso ao Mundial de 2019

Javi Gómez Noya visita a escola do Tríatlon Ferrol Mero Barral / 13fotos para Ferrol360

Javier Gómez Noya aparcará a próxima tempada a distancia olímpica na busca dun novo e esixente reto, o Campionato do Mundo de Ironman en Hawaii, un dos escernarios icónicos da historia do tríatlon.

Así o confirmou o triatleta galego nunha visita á escola do Tríatlon Ferrol, que leva o seu nome, na que repasou ante os medios de comunicación a súa tempada e os novos retos que lle agardan.

"Levo moitos anos de distancia olímpica. Non descarto volver, non descarto os Xogos de Tokyo pero quizais o ano que vén poida ser un bo ano para tentar Hawaii", recoñeceu.

Esta decisión implica a súa renuncia para disputar as Series Mundiais ITU de 2018, fóra dalgunha cita puntual, xa que "se o meu obxectivo é Hawaii as Series Mundiais teño que deixalas un pouco de lado porque non se poden compaxinar" a nivel de preparación e datas, sinalou.

É un reto, explica, que afronta "con ganas de aprender" e consciente de que "non será fácil pero creo que podo render ben e imos tentalo".

Esta decisión de pasarse ao Ironman coincide no tempo coa aposta de Pontevedra pola longa distancia, acollendo xa en 2018 o Campionato de España da especialidade previo paso do Mundial de 2019, no Gómez Noya declarou a súa intención de participar.

Antes de finalizar a tempada, Javi Gómez Noya ten por diante unha última e emocionante carreira, a derradeira proba da Tripla Coroa de tríatlon, na que correrá coa opción de levar unha recompensa dun millón de dólares, a que se outorga ao vencedor no mesmo ano dos Ironman 70.3 de Dubai, Chattanooga e Bahrein.