Gómez Noya incorpórase ao equipo técnico da Federación Española de Tríatlon

Pontevedra
09 de outubro 2024

"Disciplina, sacrificio e esforzo" é o que promete para esta nova etapa un Javi Gómez Noya que pretende "seguir axudando, humildemente" a que o tríatlon siga crecendo

Javi Gómez Noya incorpórase ao equipo técnico da Federación Española de Tríatlon
Javi Gómez Noya incorpórase ao equipo técnico da Federación Española de Tríatlon Federación Española de Triatlón

Apenas uns días despois de anunciar oficialmente a súa retirada como deportista profesional a final de tempada, Javier Gómez Noya xa ten un novo reto co que seguir colaborando na expansión do seu deporte, o tríatlon.

O cinco veces campión mundial en modalidade olímpica vaise a incorporar ao equipo técnico da Federación Española de Tríatlon, xunto ao tamén campión mundial Mario Mola.

Así o anunciou a Federación nun acto celebrado no Consello Superior de Deportes (CSD), no que concretou que Gómez Noya liderará o grupo de adestramento bautizado Team España Elite. Nel varios triatletas traballarán baixo as súas directrices. A eles tentaralles trasladar a súa experiencia e coñecementos co obxectivo de maximizar os seus resultados e formación.

"Disciplina, sacrificio e esforzo é o que aplicarei á miña carreira como adestrador", afirmou o campionísimo galego co obxectivo de "seguir axudando, humildemente, a que este deporte siga crecendo xunto ao traballo doutros adestradores con outros grupos de adestramento".

Javi Gómez Noya agradeceu ademais a confianza mostrada pola Federación Española para que lidere "este proxecto tan ambicioso".

"Van involucrarse no desenvolvemento do alto rendemento do tríatlon, para que este sexa un país de gañadores. O saber gañar é o que van transmitir ás futuras xeracións", destacou pola súa banda no acto o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo.