Gómez Noya triunfa alá onde vai. A última vitoria conseguiuna a noite deste sábado en Australia. O galego comezou a tempada por todo o alto ao finalizar primeiro o Ironman 70.3 que se disputaba esta fin de semana na cidade australiana de Geelong.
Co ouro, Noya logrou o que dixo que era o seu obxectivo máis próximo: unha praza no Campionato do Mundo Ironman 70.3, que se celebrará o próximo mes de setembro en Niza. Con todo, para clasificarse, este tan só necesitaba finalizar a proba.
A ausencia do campión das pasadas edicións de 2017 e 2018, Sam Apleton, deixaba como favorito ao triatleta galego xunto con Josh Amberger, que cruzou a liña de meta na segunda posición.
Ao redor das 21:00 horas españolas (7:00, hora local), comezaba a competición coa proba de 1.900 metros de natación. Gómez Noya foi o segundo en saír da auga por detrás de Amberger, que, con todo, sufriu problemas na transición, o que lle fixo comezar o tramo en bicicleta con máis de dous minutos de atraso. Isto favoreceu a Javier, que liderou os 45 quilómetros de ciclismo nun grupo de cinco homes. Nos últimos metros da mesma, o neozelandés Matt Franklin adiantou ao galego, sacándolle unha vantaxe de cinco segundos. Pero non foi problema para Noya, que rapidamente remontou na carreira a pé. Finalmente, arrasou na primeira xornada da tempada cun tempo de 3:45:23, seguido de preto por Amberger (3:49:38) e Tim Van Berkerl (4:36) algo máis atrasado.