Gómez Noya agradece o apoio de Pontevedra: "É aquí onde estou a gusto"

Pontevedra
21 de xullo 2017

O pentacampión mundial de tríatlon asinou este venres o acordo de patrocinio co Concello de Pontevedra para os dous próximos anos e reiterou a súa intención de estar presente nun dos campionatos do Mundo que a cidade acollerá en 2019 co ITU Multisport Festival. "Faime moita ilusión", recoñeceu

Miguel Anxo Fernández Lores recibe a Javi Gómez Noya para asinar un convenio de patrocinio Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra e o pentacampón mundial de tríatlon Javier Gómez Noya asinaron este venres o acordo de patrocinio que lles vinculará os dous próximos anos, coa posibilidade de prorrogalo un máis.

"É a persoa máis internacional da cidade e o mellor embaixador para a cidade de Pontevedra", xustificou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

No encontro entre ambos o alcalde aproveitou para pedirlle ao triatleta que estea presente nalgún dos campionatos do Mundo que a cidade albergará en 2019 con motivo do ITU Multisport Festival, reiterando Gómez Noya "faime moita ilusión e por suposto estarei, posiblemente no de longa distancia".

O convenio rubricado inclúe unha compensación económica de 24.100 euros anuais (20.000 máis IVE) cos que entre outras cousas, o deportista poderá manter ao staff técnico que lle axuda na súa preparación, que nunha parte moi importante leva a cabo na cidade de Lérez.

Gómez Noya mostrouse agradecido co apoio de Pontevedra, unha cidade na que "levo preto de 15 anos vivindo e estou encantado. É aquí onde estou a gusto", sinalou.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación o triatleta repasou ademais o seu futuro inmediato, que pasa como principal obxectivo por preparar o Mundial 70.3 (media distancia) que se disputará en setembro en Estados Unidos. "A preparación vai enfocada a iso", recoñeceu, aínda que sen esquecer a súa pelexa por manterse no podio das Series Mundiais.

De feito a próxima cita no seu calendario será a proba das Series Mundiais do próximo 29 de xullo en Edmonton, Canadá.