Despois de 9 semanas sen competir, Javier Gómez Noya retomou este sábado a carreira polas Series Mundiais de Tríatlon na localidade alemá de Hamburgo.
Era unha proba a priori pouco propicia, ao disputarse en distancia sprint, pero o pentacampión mundial estivo a piques de subir ao podio. Só lle faltou un pouco de forza no último quilómetro a pé para logralo e terminou afundíndose ata a quinta posición.
Coa baixa de última hora de Jonathan Brownlee, o trío español formado polo propio Gómez Noya, o talaverano Fernando Alarza e o actual campión mundial Mario Mola figuraban como máximos favoritos ao triunfo.
O primeiro en completar os 750 metros de natación foi o australiano Matthew Hauser, con Noya e Mola a 21 segundos. Sen embargo todo agrupouse no inicio dos 20 quilómetros de ciclismo. Foi precisamente neste segundo sector no que enterrou as súas opcións Alarza, atleta afincado en Pontevedra, ao sufrir unha dura caída na zona de transición ao final da primeira volta que lle obrigou a abandonar.
Co pelotón agrupado todo decidiríase nos últimos 5.000 metros de carreira a pé, e aí Mario Mola deu unha auténtica exhibición para marchar en solitario cara á vitoria. Por detrás Gómez Noya remontaba rapidamente posicións e encabezaba a persecución xunto ao británico Sissons.
Foi así ata que no último quilómetros fallaron as forzas e pasaráno varios rivais. Ao final, Mola entrou en meta primeiro (54:08), o australiano Jacob Birtwhistle foi segundo (54:20) e Sissons terceiro (54:23). Cuarto foi o francés Vicent Luís (54:26) dous segundos máis rápido que Gómez Noya.
Pese ao resultado os puntos logrados permiten ao galego manterse na terceira posición da clasificación xeral con 2.448, mentres Mola pasa a ser o líder con 2.864 e Alarza é segundo con 2.743 puntos.