A Gimnástica de Pontevedra renova o seu equipo feminino con cinco novas atletas

Pontevedra
04 de xaneiro 2025

María Carballido, Meritxel Pajuelo, Lucía Varela, Paula Fernández e María Estévez reforzarán as disciplinas do medio fondo, velocidade e obstáculos

Atletas da Sociedad Gimnástica que participaron na Copa de España de clubs de pìsta cuberta en Ourense

Comeza un novo ano e con el unha nova tempada para a Sociedad Gimnástica de Pontevedra, que inicia o 2025 con cinco incorporacións tanto no equipo masculino como no feminino.

Neste último caso, tal e como anunciou o club, as atletas incorpóranse para achegar os seus bos resultados a distintas categorías e disciplinas.

Algunhas delas son vellas coñecidas polo club ao tratarse de compañeiras de seleccións e concentracións nacionais.

Entre as novas incorporacións destaca María Carballido, procedente do Grupoempleo Pamplona. A varias veces campioa galega chega para reforzar as distancias de 800 e 1500 metros lisos.

Tamén chega á Sociedad Gimnástica, procedente do Colomenca Atletismo, Meritxel Pajuelo. A atleta catalá foi gran protagonista do seu equipo na liga de Atletismo e vén para achegar o seu bo facer nas disciplinas de 200, 400 e 400 metros valas.

Da mesma forma que ocorreu no equipo masculino, o club lerezano aposta por reforzar a disciplina de obstáculos con Lucía Varela, especialista nesta modalidade nos 3000 metros, sendo tamén unha baza importante para o 1500 lisos.

Outra das grandes apostas para este ano é coas distancias longas. Para iso chega Paula Fernández, que sumará ao equipo na distancia do 3000, e María Estévez, na distancia do 800 e o 1500.

UNHAS CHEGAN E OUTRAS SE VAN

A Gimnástica tamén agradeceu "os anos de traballo, compañeirismo, esforzo e espírito de equipo" das oito atletas que este ano abandonan a institución.

Trátase de María Ezquerro, Andrea González, Victoria Eiriz, Lía Caride, María Campo, Lucía Ferreiro, Eva Salvado e Eva Arias quen, por distintos motivos, deixan de ser parte do equipo.