O Pontevedra Club de Fútbol xa ten rival para os oitavos de final da Copa do Rei, aos que tan brillantemente se clasificou tras eliminar previamente a Levante, Villarreal e Mallorca.
De novo será un equipo de Primeira División o que visite o Estadio Municipal de Pasarón, algo que tiñan garantido, pero o bombo decidiu evitar de novo os grandes do fútbol nacional.
Os granates buscarán seguir facendo historia contra o Getafe, equipo que ocupa o posto 17 en Primeira, pelexando pola permanencia na categoría.
A falta de concretar o horario da eliminatoria, disputarase en apenas unha semana ao estar fixada para os días 14, 15 e 16 de xaneiro.
Será de novo cun cruzamento a partido único no que os de Yago Iglesias soñarán con repetir as xestas das recentes noites copeiras, e por que non igualar a mellor clasificación histórica en Copa da entidade.
En concreto o Pontevedra chegou dúas veces aos cuartos de final do Torneo do K.O., ambas as dúas na época do Hai que Roelo, nas tempadas 64-65 e 66-67.
Agora, cun novo rival no horizonte, o plantel e toda a cidade soñan coa posibilidade de competir e eliminar a un novo equipo de Primeira División.
Os granates xa demostraron que son capaces diso.