O Marín Futsal segue sen saber o que é gañar fóra de casa despois de caer por tres goles a cero no feudo do Atlético Navalcarnero, ao que lle valeron os tres goles anotados na primeira metade para facerse co triunfo a pesar dos paradones de Patri Arruti, que salvaron ás marinenses dunha goleada.
O primeiro chegou cando se alcanzaba o minuto 12 de xogo tras un erro na saída de balón das marinenses, boa combinación entre Leti e Laura Córdoba e gol desta última.
Tres minutos despois, nun novo roubo en campo marinense, Rapha Martins fíxose co esférico e sacou un potente chute que se coou na escuadra para subir o 2-0 ao luminoso.
Optou polo xogo de cinco Ramiro Díaz antes de alcanzar o descanso, situación que aproveitou María Sanz para facer o 3-0. Despexou a zaga local, Café correu a defender para evitar o gol a portería baleira, pero a '11' do Navalcarnero adiviñou as intencións da colombiana, interceptou o despexe e sentenciou o partido.