Galicia suma outras dúas medallas na segunda xornada do Nacional de Ciclocrós

Pontevedra
12 de xaneiro 2019

Ambos os dous metais chegaron na categoría máster por medio do pontevedrés Manuel González Ojea e de Andrés Calvete. A fortuna con todo foi esquiva na competición de categoría cadete

Segunda xornada do Campionato de España de Ciclocrós na Illa das Esculturas Diego Torrado

A segunda xornada do Campionato de España de Ciclocrós volveu encher de colorido este sábado a Illa das Esculturas de Pontevedra.

Era a quenda das categorías Máster e as Cadete masculina e feminina, e o certo é que o espectáculo non defraudou, con Galicia sumando dúas novas medallas.

Ambos os dous metais chegaron en Máster, e un deles por un deportista de casa como o pontevedrés Manuel González Ojea. O ciclista do Bici O Con conseguiu a medalla de prata en Máster 60 tras unha bonita pugna co valenciano Abelardo Martínez, que finalmente se impuxo. Trátase da oitava medalla de Ojea nuns nacionais de ciclocrós.

Despois chegaría a segunda presea galega, esta vez un bronce por medio de Andrés Calvete en Máster 30.

Todo iso ocorreu pola mañá, e á primeira hora da tarde tomaron a testemuña os ciclistas cadetes, nos que a local Laura Capa (Farto) aparecía como aspirante ao podio. Non o conseguiu, e tivo que conformarse con ser a mellor galega no oitavo posto nunha carreira que venceu a catalá Sara Méndez con  Ainara Albert (Delikia) no segundo posto e a asturiana Lydia Pinto na terceira. Sonia Domínguez (Marín) concluíu pola súa banda en trixésimo lugar.

Tampouco houbo medalla na categoría cadete masculina, na que se impuxo o madrileño Rubén Sánchez co seu compañeiro de selección Miguel Díaz segundo e o catalán Marc Masana terceiro. Nesta carreira Zoe del Río (Marín) concluíu no posto 35.

O Campionato de España de Ciclocrós de Pontevedra chegará ao seu fin este domingo 13 de xaneiro coa disputa das probas júnior, sub-23 e elite.