Éxito organizativo e deportivo para o Club Natación Galaico tras unha intensa fin de semana de competición na piscina do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños.
O club pontevedrés foi o anfitrión da fase territorial da Copa de España de Clubs de 2ª División.
Participaban máis de 300 deportistas de 18 clubs galegos, deixando un gran ambiente na instalación pontevedresa.
A competición desenvolveuse en dúas xornadas, durante o sábado 30 de novembro e o domingo 1 de decembro.
O Galaico, ademais de afanarse na organización, ofreceu un gran rendemento na piscina, finalizando os seus dous equipos, tanto o feminino como o masculino, no podio final.
Subiu todo o máis alto o conxunto feminino, ao finalizar a fin de semana con 1.366 puntos, superando o CN Ponteareas (1.230 puntos) e o CN Portamiñá Lugo (1.197).
Pola súa banda o Galaico masculino foi segundo no xeneral con 1.138 puntos, superado polo CN Portamiñá Lugo (1.354) pero por diante do Sporting C. Casino (1.073,50 puntos), que foi terceiro.
Durante a Copa de España en Rías do Sur batéronse ademais cinco mellores marcas autonómicas.