Fusión a tres bandas no fútbol sala pontevedrés

Pontevedra
17 de xullo 2024

O Leis Pontevedra confirmou de maneira oficial a través dun comunidado a súa fusión co Stellae FS de Valga e co Cidade de Pontevedra. A nova entidade, que se denominará Stellae Leis Pontevedra FS terá a súa sede na Boa Vila recuperando a estrutura feminina 

Equipo do Leis Pontevedra na tempada 23-24 Leis Pontevedra FS

Golpe de temón no fútbol sala pontevedrés cunha fusión a tres bandas en torno ao Leis Pontevedra.

O histórico conxunto da Boa Vila confirmou de maneira oficial a través dun comunicado a súa unión co Stellae FS de Valga e co Cidade de Pontevedra para formar un novo club, que pasará a chamarse Stellae Leis Pontevedra FS con sede na capital provincial.

Trátase, aseguran, de "un novo proxecto deportivo con vistas a converter a cidade na capital do futsal galego", co obxectivo de "impulsar o noso deporte desde a base ata os equipos senior masculino e feminino".

Por partes, a unión co Cidade de Pontevedra tras a retirada da súa alma mater Manolo Piñón supón recuperar a estrutura feminina na entidade, pechando a ferida aberta hai anos que supuxo a creación do Cidade, equipo que a pasada campaña competiu na Preferente Galega.

En canto ao equipo masculino, fusiónanse dous clubs que competían na Segunda B coa intención de formar un proxecto potente e que busque o ascenso de categoría, e é que o Stellae xa quedou a pasada campaña ás portas do salto á Segunda División.