Fixado o horario para o transcendental partido entre Pontevedra e Numancia

Pontevedra
04 de marzo 2025

O duelo da xornada 20 liga entre os dous candidatos ao ascenso directo, aprazado no seu día polo temporal, xogarase o mércores 19 de marzo no Estadio Municipal de Pasarón

Estadio Municipal de Pasarón en Pontevedra
Estadio Municipal de Pasarón en Pontevedra Mónica Patxot

Tras semanas de espera xa hai horario confirmado para o importante partido de liga entre Pontevedra Club de Fútbol e CD Numancia da xornada 20 de liga.

O duelo entre os dous candidatos ao ascenso directo debía terse disputado o pasado 26 de xaneiro, pero foi aprazado entón polo temporal fixándose como nova data o mércores 19 de marzo.

Faltaba por coñecer o horario concreto do choque, e é o que o Comité de Competición validou este martes.

O Pontevedra apurou de feito o prazo máximo para fixar o horario do partido, xa que a normativa esixía establecelo 15 días antes do duelo, sendo esta unha potestade do club local.

Desta forma, o Pontevedra-Numancia xogarase ás 20.30 horas da tarde do mércores 19 de marzo.

Cabe lembrar que o club granate activara unha promoción para ese encontro, dando a posibilidade aos seus abonados de retirar dúas entradas para acompañantes por un prezo de 10 euros.

Esas localidades serán válidas agora. En canto aos prezos para o público xeral, fixáronse en 12 euros nos fondos, 15 euros en Preferencia e 20 euros en Tribuna para o público adulto.

Só un punto separa agora mesmo a Numancia (51) do Pontevedra (50), aínda que antes da cita deberán ambos os dous afrontar dous partidos máis de liga. Os granates recibindo o Guijuelo en Pasarón e visitando o Real Avilés, mentres que os sorianos xogarán a próxima xornada a domicilio contra o Marino e despois na casa fronte ao CD Laredo.