Festival de goles entre Poio Pescamar e Torreblanca nunha recta final de infarto (5-4)

Poio
23 de abril 2022

Sufrido triunfo con recital de goles incluído para o Poio Pescamar sobre o Torreblanca, ao que superou por 5-4 para manterse nos postos de privilexio da táboa clasificatoria

Partido entre Poio Pescamar e Torreblanca na Seca

Sufrido triunfo con recital de goles incluído para o Poio Pescamar sobre o Torreblanca, ao que superou por 5-4 para manterse nos postos de privilexio da táboa clasificatoria.

Comezou sufrindo o cadro conserveiro por mor dun gol aos dous minutos de Guti, que rematou unha contra moi ben levada desde cancha propia de Amandinha que acabou no primeiro tanto do duelo.

Tocaba remar ao contraxeito e o Poio comezou a facerse co dominio de xogo, xerando perigo cunha Dani Sousa que tivo nas súas botas o empate mentres as de Melilla xeraba perigo en tres cuartos de cancha e poñía en aprietos a Caridad por momentos.

Con todo, aos nove de xogo, á saída dunha falta directa desde a frontal, Agostina Chiesa facía o 1-1 e daba ás ás conserveiras. De feito, aos catorce minutos, daban a volta ao marcador grazas a un gol de Martita, que rematou un pase de Mayara tras unha boa xogada conducida por Ana Rivera.

E antes do descanso, Dani Sousa revolvéndose na zona de pivote e Ana Rivera, que aproveitou un balón solto na área rival despois dun disparo de Dani Sousa, encarrilaban o partido a favor dun Poio ao que aínda quedaba moito por sufrir.

Mostraba o luminoso un 4-1 cando comezou a segunda parte. Parecía que o partido estaba case sentenciado, pero o Torreblanca, lonxe de dar o encontro por perdido, soubo ler o xogo das vermellas para ir en busca da remontada.

Reduciu distancias Thais aos seis minutos desde o punto de penalti para, segundos despois, Amandinha en combinación con Ana Luiza, anotar o 4-3 que poñía contra as cordas ao Poio.

Motivadas polo arranque da segunda metade, o Torreblanca devolveu o golpe por terceira vez aproveitando o desaxuste rival. Así, antes da medianía do período, Juliana empataba o partido despois dunha boa internada polo á esquerda de Ana Luiza.

Co 4-4 chegábase ao últimos dez minutos. Foi aí cando o Poio volveu atoparse co premio en forma de gol. Conduciu Luci unha boa acción por á dereita, despexou mal Ana Luiza e o balón caeu nas botas de Jane, que disparou a portería para anotar o 5-4.

Chegou o momento de sufrir outra vez cando o cadro melillense optou polo xogo de cinco a catro minutos do final con Juliana como porteira xogadora. Foi Amandinha, en cambio, a que tivo cun remate ao pau a opción de devolver o empate unha vez máis ao seu equipo, pero as conserveiras souberon aguantar o asedio rival para sumar un novo triunfo que as mantén na terceira posición da clasificación.

POIO PESCAMAR (5): Caridad; Irene, Dani Sousa, Luci e Ana Rivera (cinco inicial). Tamén xogaron, Anna Escribano Agostina Chiesa, Jane, Julia Dupuy, Luisa Mayara e Martita.

TORREBLANCA (4): Sara Soares, Ana Luiza, Guti, Amandinha e Juliana (quinteto inicial). Tamén xogaron, Silvina, Thais, Lydia e Jehnnif.

Goles: 0-1, min. 2 Guti. 1-1, min. 9 Agostina Chiesa. 2-1, min. 14 Martita. 3-1, min. 16 Dani Sousa. 4-1, min. 17 Ana Rivera. 4-2, min. 26 Thais (penalti). 4-3, min. 27 Amandinha. 4-4, min. 29 Juliana. 5-4, min. 32 Jane.

Incidencias: Pavillón A Seca. Colexiados, Héctor Vilas López e Javier Menéndez Nistal. Amoestaron a Juliana, Guti, Silvina, no Torreblanca Melilla e Jane no Poio e expulsaron a Manu Cossío no minuto 16.