Ferrol será a sede da fase final da Copa Galicia para o Arxil

Pontevedra
21 de setembro 2022

O conxunto pontevedrés, clasificado para a fase final tras impoñerse na previa a rivais da Liga Feminina 2, medirase o vindeiro venres nas semifinais ao anfitrión, o Baxi Ferrol

Presentación en Ferrol da fase final da Copa Galicia de baloncesto Federación Galega de Baloncesto

A fase final da XXXV Copa Galicia Sénior Feminina, na que participará o Club Baloncesto Arxil, disputarase en Ferrol.

A cita foi presentada oficialmente tras a conclusión da fase previa entre os equipos de Liga Feminina 2, entre os que saíu vitorioso o conxunto pontevedrés.

Desta forma o pavillón ferrolán da Malata acollerá as semifinais do torneo autonómico o vindeiro venres día 23 de setembro, co Arxil enfrontándose ao anfitrión Baxi Ferrol (20.15 horas) e o Celta ao Durán Maquinaria Ensino da liga Feminina.

En canto á gran final terá lugar o domingo 25 a partir das 12.00 horas.

As entradas para presenciar a fase final da Copa Galicia terán un custo de 14 euros o abono ou de 10 euros para cada unha das xornadas.

No que respecta ao Arxil, acudirá a Ferrol en plena pretemporada e coas baixas de Heather Forster e Carmen Ortiz, con permiso do club para ausentarse.