Nove ex-xogadores da Sociedad Deportiva Teucro asinaron un comunicado no que se acusa de falta de pagamentos o club pontevedrés correspondentes á tempada 2019/2020.
Trátase de Fran Bujalance, Ferrán Cisneros, Vicente Póveda, Edu Salazar, Iván Rodríguez, Christopher Corneil, Nikola Perovic, José Torres e Jacobo Río, que afirman que "a día de hoxe, seguimos sufrindo unha situación de falta de pagamento por parte do club", concretando que nalgúns casos "débennos ata os tres últimos meses da tempada".
"Confiaramos nas palabras da directiva que nos indicaba que se nos ía a regularizar a nosa situación ingresándonos todas as mensualidades que se nos debían. Hoxe, atopámonos nunha situación ben diferente e é que, despois de recibir un último ingreso o 2 de xuño de 2020 non volvemos a ingresar nada do noso soldo. Dada a negativa que nos atopamos ao tentar poñernos en contacto co club por numerosas vías, vémonos na obrigación de poñer de manifesto a situación vivida", explican no texto.
No mesmo destacan ademais os atrasos de "tres meses sen cobrar" durante a citada tempada e soportar "comentarios crueis" por parte de persoal da entidade.
DEFENSA DO TEUCRO
Esta explicación choca frontalmente coa versión do vicedecano do balonmán nacional, que defende que "a moitos deses xogadores non se lles debe nada e cos demais hai pequenas diferenzas". En todo caso, aseguran, "son pequenas cantidades e con discrepancias", sen superar en ningún caso os 500 euros.
Esa falta de acordo radica segundo a versión teucrista "o club soportou gastos como comidas e pisos que non tiña por que facelo" cando estalou a pandemia, xa que o problema remóntase ao mes de marzo de 2019 coa irrupción da covid e a posterior suspensión da tempada. "Algúns deixaron débedas nos pisos e o club toma a decisión no seu momento de descontarllo", afirman desde a xunta xestora.
Desde o Teucro confirman que só nun destes casos presentouse unha reclamación formal. Foi por parte do francés Christopher Corneil, con quen se acudiu a un acto de conciliación pre-xudicial hai uns meses sen que se chegase a acordo.
En todo caso, explican desde o club, a principal diferenza de criterios radica en que "para nós a tempada terminouse o 30 de marzo e para algúns debería ser ao 30 de maio".