Tres xornadas restan para a conclusión da Superdivisión Masculina e o Tenis de Mesa Monte Porreiro, aínda que perdeu algo de fol nas últimas xornadas con dúas derrotas consecutivas, mantense na pelexa por terminar a liga nas prazas que darían dereito a participar o próximo curso en competición europea.
Con todo o club pontevedrés non quere pór o foco niso, xa que mantén firme a súa decisión de renunciar a este dereito, como xa fixo na presente tempada polos abafos económicos que supuxo hai dúas campañas o seu periplo continental.
"Non queremos comprometer o orzamento", confirma o director deportivo do Monte Porreiro, Nando Álvarez, e por iso aínda que pelexarán por concluír a liga na mellor posición posible o seu obxectivo, xa coa permanencia no peto, céntrase máis a longo prazo mirando á canteira.
De feito na última xornada fronte ao Arteal (derrota por 2-4), un canteirán de só 14 anos como Matías Betancor asinou a súa segunda presenza co equipo de Superdivisión, xogando dous encontros e chegando a pór en apertos ao seu rival tentando pór o empate no marcador do encontro.
Unha experiencia impagable e que esperan repetir cada vez con maior presenza para consolidar a un dos seus canteiráns na elite nacional.
Foi ademais unha xornada especial para o Monte Porreiro a vivida en Príncipe Felipe, e é que se bateu unha marca do club e tamén do tenis de mesa galego.
No pavillón da cidade infantil disputáronse até 11 partidos de liga simultáneaos entre as competicións nacionais e galegas.
Unha imaxe que reforza o traballo dun club como o Tenis de Mesa Monte Porreiro e tamén a súa boa saúde. Todo nunha fin de semana que redondeou ademais e equipo sénior feminino de División de Honra ao imporse ao líder da categoría, o Tabor de Tenerife, por 4-2.