O Grupo Deportivo Supermercados Froiz presentou este mércores, no seu hotel de concentración, o Galicia Palace de Pontevedra, o seu equipo para a presente tempada. Foi unha posta de longo pouco habitual. A pandemia obrigou a pospoñela en dúas ocasións, a tempada xa está en marcha e consistiu unicamente nunha foto oficial antes de partir a Padrón a recoñecer o terreo do seguinte reto dos mozos de Evaristo Portela.
"Houbo que aprazar a concentración pola covid-19 porque non era aconsellable realizala. Pero tiñamos que facela porque é a festa do equipo, é a única vez no ano que nos xuntamos todos", destaca o director deportivo da escuadra alimenticia.
Disputadas dúas probas da Copa de España, as sensacións para a presente campaña son inmellorables. "Estamos terceiros na clasificación individual e quintos, por equipos", destacou Portela, que augura "unha tempada ilusionante porque hai equipo para soñar e lograr os obxectivos".
Un ano máis, o principal reto dos corredores do Froiz será o triunfo na Copa de España. Con este obxectivo confeccionouse o equipo. "Este ano enfocámonos para facelo mellor que nos últimos anos porque as probas dun día non se nos daban ben. As dúas primeiras carreiras que se fixeron son as que peor lle van a este equipo porque non temos escalador e estamos máis baixos de forma que outros equipos porque polo covid atrasamos a preparación", xustifica o técnico.
Con todo, mellorar os resultados da campaña anterior será unha tarefa complicada. "O ano pasado foi inmellorable para o pouco que corremos. Gañamos unha e noutra quedamos segundos. Gañamos tamén o campionato de España con Samuel Blanco", lembra Portela sen ánimo de presionar aos seus ciclistas. "Isto é deporte, non me importan os resultados, si o traballo. Conforme estamos a traballar, sexan cales sexan os resultados, eu estarei orgulloso", rematou.