O RallyMix Cuntis Vila Termal quenta motores para a disputa dunha sétima edición que contará con 92 equipos na liña de saída.
Entre eles, segundo adiantou a organización o día da presentación, estarán José Antonio 'Cohete' Suárez e o seu copiloto Alberto Iglesias, que aos mandos dun Skoda Fabia RS Rally2, prepararán a súa próxima participación no Rally de Catalunya, proba puntuable para o Supercampeonato de España.
Xunto coa dupla asturiana, os principais candidatos ao título na agrupación B son Manuel Osorio e Alberto dos Reis, ou irmáns Celestino e Jorge Iglesias, que nos seus R5/Rally2 e 2 N5 garantirán un auténtico espectáculo para os amantes do motor.
Pola súa banda, na agrupación A serán 43 os equipos que tomen a saída con Ventín como principal favorito, nunha proba na que retorna ao certame o pluricampeón galego, Javier Ramilo. Ademais, pilotos como Sergio Fernández, Antonio Viloria, Adrián Andrés ou Miguel Iglesias, entre moitos outros, tamén terán opcións de vitoria.
En canto aos horarios, as verificacións opcionais terán lugar este venres 4 de outubro desde as 20:00 horas, mentres que na xornada do sábado 5 desde as 8:30 horas será a quenda para o resto de verificacións no parque de asistencia da proba. A primeira pasada comezará ás 11:30 horas, coa segunda e terceira xusto a continuación.
Finalmente, as dúas pasadas restantes disputaranse o domingo a partir das 09:00 horas da mañá. A entrega de premios final será na Nave da Ferretería Mieres.