España cae por penaltis ante Alemaña e finaliza o Mundial Júnior de balonmán na décima praza

Pontevedra
25 de xullo 2019

Tras a súa eliminación do mércores contra Francia, os Hispanos Júnior afrontaron este xoves no Pavillón Municipal dos Deportes o duelo pola novena praza ante outra das potencias que se despediu do torneo en oitavos de final

Partido polo noveno posto do Mundial Júnior de Balonmán entre España e Alemaña Diego Torrado

A Selección Española non puido despedirse con vitoria de Pontevedra e do Mundial Júnior de Balonmán, que finaliza na décima posición.

Tras a súa eliminación ante Francia o mércores, nun choque que se decidiu na última xogada, os Hispanos Júnior volvían saltar este xoves á pista do Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra para xogar o encontro pola novena praza contra outra das potencias caídas en oitavos de final, Alemaña.

O pau do día anterior sufrido por ambos os dous equipos, que caeron en partidos tremendamente competidos, fíxose notar na intensidade do xogo, que foi menor que nos cruces eliminatorios. A pesar diso puido verse un notable partido.

España comezou o choque cunha fluidez na parcela ofensiva que lle valía para tomar a iniciativa ante a forte defensa xermana. Foi o guión dun primeiro tempo que concluíu cun 15-13 no luminoso.

Os de Isidoro Martínez abriron algo máis de vantaxe tras o intermedio, pero Alemaña reaccionou e puxo a igualada antes de chegar ao ecuador do segundo tempo. Converteuse o xogo nunha sucesión de alternativas, e os Hispanos grazas a unha serie de contragolpes conducidos Natan Suárez conseguiron un parcial de 3-0.

O seleccionador alemán, Martin Heuberger, pediu tempo morto e conseguiu non só frear aos anfitrións, senón forzar o empate (23-23) e a quenda de penaltis, que favoreceu a Alemaña por 5-6 para quedar o noveno posto do campionato.