España afúndese na última xogada despois de romontar seis goles a Francia

Pontevedra
24 de xullo 2019

Os hispanos júnior souberon repoñerse dun pésimo inicio de partidounha Francia moi poderosa nos lanzamentos de longa distancia e moi agresiva en defensa. Unha mala xestión da última xogada acabou coa derrota e a eliminación do combinado español

España cae diante de Francia nos oitavos de final do Mundial Júnior de Balonmán. Cristina Saiz

Final do camiño para España no Mundial Júnior de Balonmán. A Selección estivo a piques de tocar a gloria, pero acabou no averno por errar na defensa da última xogada. Despois de protagonizar unha extraordinaria remontada sobre Francia, o combinado galo obtivo con ese postremeiro tanto o premio do pase a cuartos de final. 

Os de Isidoro Martínez chegaron a ir perdendo por seis tantos e cunhas sensacións que convidaban máis a desfeita que á fazaña. Pero co empuxe da bancada que converteu o Municipal nunha caldeira, os hispanos lograron voltear o marcador ata rozar a vitoria. Pero unha mala xestión da última xogada permitiu ao galo Gaudin, o mellor do combiando francés, anotar o tanto do triunfo. Non foi o mellor partido de España, pero soubo suplir con intensidade as súas carencias combinativas e o público, que abarrotou o pavillón pontevedrés, agradeceullo cunha reconfortante ovación.

Non puido entrar peor España no partido. Os franceses anotaron na primeira xogada e, a pesar de que Tarrafeta empatou de inmediato, os anfitrións foron incapaces de frear o poderío físico, tanto en ataque como en defensa, do seu rival. Coas internadas de Villeminot, Gibelin e Poyet, Francia abriu unha brecha no marcador que non deixou de crecer durante o primeiros quince minutos de xogo.

España non conseguía atopar o camiño cara á meta de Kieffer. Erros na circulación, incapacidade para lanzar con comodidade ou paradas salvadoras do meta visitante frustraban unha e outra vez os ataques da Selección. Aos sete minutos España perdía de catro. Isidoro Martínez pediu tempo morto pero non serviu de nada porque os azuis seguiron ampliando a súa renda ata alcanzar os seis tantos.

Apertou os dentes en defensa España, Kilian empezou a repeler os balóns pero en ataque os hispanos seguían negados. Tivo que ser a agresividade dos franceses a que acendese os ánimos dunha afección que abarrotou as bancadas do municipal e contaxiase aos xogadores que nos últimos minutos do primeiro tempo, máis por forza que por xogo, puxo contra as cordas ao seu adversario.

Un contragolpe conducido polo exteucrista Natan Suárez que Prandi cortou de forma antideportiva acabou co tanto de Pol Valera e co francés fóra durante dous minutos. Aproveitou a superioridade España para seguir reducindo diferenzas e, a menos de tres minutos, Valera voaba para lanzar a porta cando Gaudín derrubouno de forma brusca. Pediu a expulsión a bancada, pero os árbitros non o interpretaron así e só o excluíron. Anotou Gonzalo Pérez desde os sete metros para recortar a tres tantos a desvantaxe, que puideron quedar en dous de non ser pola intervención do meta francés (13-10).

Con polémica arbitral arrincou tamén o segundo tempo. Gonzalo Pérez recortou distancias para España desde o extremo e cando os anfitrións podían poñerse a un tanto de distancia, os colexiados anularon un novo gol ao extremo español por falta en ataque. Aproveitou o enfado Francia para volver abrir brecha, pero España estaba metida de cheo no partido e non ía deixar escapar de novo aos seus opoñentes.

Broto substituíu a Kilian ao final do primeiro período e converteuse nunha peza fundamental no rexurdir de España. O gardameta tirou de reflexos para frustrar un par de lanzamentos franceses que España soubo aproveitar para poñerse a un só tanto. Logo agarrou o balón Valera e lanzou un obús que supuxo o empate para a Selección baixo o gritería dunha afección entregada. Non quedaría aí a cousa porque só dous minutos despois outro potente lanzamento de Tarrafeta poñía a España por primeira vez por diante no marcador para o delirio da inchada.

Entrou logo o encontro nun constante intercambio de golpes. Durante dez minutos Francia e España intercambiaron goles para chegar ao último minuto de xogo co marcador igualado a 22 tantos. Anotou Gaudín o seu enésimo canonazo do partido, respondeu Gonzalo forzando unha exclusión e Valera culminou a igualada anotando desde os sete metros.

Xogando en superioridade, España cometeu unha falta letal que acabou transformando Gaudin no tanto da vitoria (24-23) para o combinado francés. Quedaban tres segundos para o bocinazo, tempo insuficiente para que a estratexia funcionase. Aínda así Tarrafeta probou un lanzamento afastado que bloqueo a muralla gala e acabou co soño español de revalidar o título.

FICHA TÉCNICA

España: Kilian Ramírez (p), Mikel Amibilia, Ian Tarrafeta (7), Pau Oliveras, Antonio Serradilla,  Adriá Martínez e Gonzalo Pérez Arce (7). Tamén xogaron Daniel Broto (p), Álvaro Martínez, Iván Montoya (2), Natan Suárez (2), Edu Cadarso, Eneko Goenaga, Mamadou Diocou, Mikel Zabala y Pol Valera (5)

Francia: Valentin Kieffer (p), Tom Poyet (1), Kyllian Villeminot (3), Dylan Nahi, Edouard Kempf (2), Clement Damiani (1) e Yoan Gibelin (3). Tamén xogaron Gauthier Ivah (p), Benjamin Richert (1), Julien Bos (1), Noah Gaudin (9), Antonin Mohamed, Jonathan Mapu (1), Robin Douarte, Elohim Prandi (2), Axel Cochery

Marcador cada cinco minutos: 4-2, 8-2, 9-4, 10-5, 12-6, 13-10 (descanso), 14-12, 15-14, 16-16, 18-19, 21-22 y 24-23 (final)

Árbitros: Youcef  Belkhiri e Hamidi Sid Ali (Argelia) excluíron aos franceses Bos, Gaudin, Mohamed, Gibelin e Prandi; e ao español Adriá Martínez.

Incidencias: Partido de octavos de final do Mundial Júnior de Balonmano disputado no Pavillón Municipal de Pontevedra diante de 1.400 espectadores