Os oitavos de final do Mundial Júnior de Balonmán que se está celebrando en Pontevedra e Vigo aparecen xa no horizonte, coa última e definitiva xornada de grupos en xogo este luns 22.
España, xa clasificada tras vencer o domingo a unha correúda Xapón no pavillón vigués das Travesas, conta as horas para coñecer cal será o seu rival na primeira rolda eliminatoria, que xogará no Municipal pontevedrés o vindeiro mércores día 24.
Antes, os Hispanos Júnior xogarán ante Eslovenia, vixente campioa de Europa (21:00 horas do luns) nas Travesas co liderado de grupo en xogo, coa intención de buscar un mellor cruzamento nos oitavos de final, nos que se cruzarán co Grupo B, no que Exipto, Francia e Suecia ocupan actualmente as tres primeiras posicións e Korea a cuarta, que o convertería no rival de España en caso de conseguir o primeiro posto de grupo.
En canto ao choque deste domingo, o combinado nacional venceu con esforzo a Xapón (28-22) nun duelo de traballo e desgaste que non se decidiu ata o segundo acto, tras chegar ao descanso cun apertado 13-11.
A melloría produciuse no último tramo do partido desde a defensa, e a pesar de que o equipo nipón apertou sorprendendo co xogo de 7 contra 6 (22-20, minuto 52) Mamadou Diocou con dous contraataques e unha gran acción nun contra un poñía a España con cinco de vantaxe a cinco minutos para o final (26-21), unha laxa demasiado pesada para Xapón.
No resto de partidos disputados en Pontevedra Croacia venceu a Barhain (32-23), Brasil a Kósovo (36-23) e Portugal a Hungría (36-28).
Con estes resultados, o Grupo C segue comandado por Croacia con 8 puntos seguido de Portugal e Brasil con 6 e Hungría con 4, todos eles clasificados xa para os oitavos de final.