As entradas para o partido de Copa do Rei entre Pontevedra Club de Fútbol e Villarreal CF están xa á venda.
O club granate confirmou o prezo das localidades para este partido, que se disputará o mércores 4 de decembro ás 21.00 horas no Estadio Municipal de Pasarón.
Cabe lembrar que os abonados do club granate non deberán pasar polo despacho de billetes, tal e como se anunciou no verán no lanzamento da campaña de socios da presente tempada.
En canto ao público xeral, as localidades incrementan considerablemente o seu prezo en relación cos partidos de liga, aproveitando que o rival é un dos grandes equipos da Primeira División.
En concreto as entradas de público adulto fixáronse en 25 euros nos fondos, 35 euros na bancada de Preferencia e 45 euros na de Tribuna.
A categoría xuvenil (até os 16 anos) inclúe nesta ocasión os menores de 6 ao contrario que na competición doméstica, e terá un custo de 20 euros en fondos e Preferencia e de 25 euros en Tribuna.
Ademais os socios do Pontevedra poderán retirar unha entrada para acompañantes cun lixeiro desconto de 5 euros sobre o prezo orixinal.
Os billetes poden retirarse nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón, a través da venda online ou nos despachos de billetes do estadio desde unha hora antes do choque.