Cita importante a que afronta este sábado 8 de novembro o Club Baloncesto Arxil, un dos catro equipos que se manteñen invictos na Liga Feminina 2 logo das dúas primeiras xornadas.
Outros dos equipos que non perdeu, o Durán Maquinaria Ensino de Lugo, visita o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (19:30 horas) para medir o nivel real das verdes, esperanzadas tralo seu bo inicio de competición.
Ambos conxuntos enfrontáronse en pretempada nunha disputada semifinal da Copa Galicia que se levaron as lucenses (79-67) tras un encontro que as pontevedresas controlaron ata o descanso pero que se lles escapou no terceiro cuarto.
En todo caso as de Mayte Méndez móstranse confiadas en lograr a vitoria apoiadas na súa afección, que esperan acuda en bo número ao CGTD.
A adestradora lerezana espera contar con todo o plantel dispoñible para a cita.