Enfermaría case baleira para afrontar o play-off de ascenso

Pontevedra
21 de maio 2015

Jacobo completou o adestramento do mércores co grupo e estará dispoñible esta fin de semana se Luisito o considera oportuno. Con Adrián tamén recuperado e sen sancionados, Benja será a única baixa para o desprazamento a La Palma

Jacobo no adestramento deste mércores na Xunqueira Daniel Santomé

O tramo decisivo da tempada chega sen apenas baixas no Pontevedra Club de Fútbol, que xa prepara con intensidade o partido de ida da elimitoria ante o Mensajero.

Luisito intenta estes días pulir aspectos tácticos de cara ao choque na Nova Silvestre Carrillo de La Palma, intentando adaptar os seus ás condicións que alí se encontrarán.

A noticia positiva para o técnico granate é a recuperación de Jacobo, que tras un par de semanas fóra dos terreos de xogo por causa dunha lesión muscular se adestra ao mesmo ritmo dos seus compañeiros e con boas sensacións, polo que estará dispoñible este mesmo fin de semana se o preparador o considera oportuno.

Con Jacobo listo, a única baixa do conxunto pontevedrés no inicio da fase de ascenso será Benja, que progesa positivamente da súa rotura de fibras pero que só chegaría a tempo ás seguintes eliminatorias, en caso de que os granates non consigan resolver o ascenso no cruzamento de campións.

Tamén no Mensajero se traballa estes días co plantel case ao completo, aínda que Miguel Cid contará coa baixa do centrocampista Vianney. Pola súa banda o dianteiro Dani López, que se encontraba minguado fisicamente nas últimas semanas, parece recuperado e podería entrar na convocatoria dos canarios ao igual que a súa recente fichaxe, o atacante Nata.