Emotiva despedida de Carlos Álvarez como xogador do Cisne: "Será sempre o club da miña vida, o club do meu corazón"

Pontevedra
26 de maio 2023

O extremo pontevedrés, que deixará o Cisne a final de tempada para fichar polo Ademar de León, despediuse da que foi a súa casa desde os 8 anos nun acto rodeado de compañeiros, amigos, familiares e directiva do club

Acto de despedida de Carlos Álvarez como xogador do Cisne PontevedraViva

Chegou ao Cisne con 8 anos sendo un neno e vaise feito un home, sendo un das grandes revelacións da tempada na Liga Asobal e medallista internacional en categorías inferiores, ademais de ser protagonista da xesta do título de campións de España de categoría xuvenil hai dous anos.

Carlos Álvarez despediuse este venres nun emotivo acto celebrado no Colegio Los Sauces rodeado de compañeiros, familiares e directivos da que foi a súa casa máis de 10 anos, antes de poñer rumbo ao seu novo reto profesional, o Ademar de León, no que xogará a partir da próxima tempada.

"O Cisne non é un club máis, o Cisne é unha familia e por iso que hoxe me toca despedirme dunha parte moi importante de min", asegurou o extremo pontevedrés.

Con todo "para seguir crecendo ás veces é necesario facer caso á cabeza e non ao corazón, e por moito que doia tócame separarme do Cisne".

Faino iso si tras cumprir "soños que xamais tería imaxinado", agradecido a todos os meus compañeiros e adestradores, desde benxamíns ata os actuais, e en especial a Jabato "por darme a oportunidade de formar parte no primeiro equipo e pola confianza que depositou en min tanto no Cisne como coa Selección".

Por todo iso, sinalou o xogador emocionado, "sexa onde sexa e pase o tempo que pase o Cisne será sempre o club da miña vida, o club do meu corazón. Estou convencido de que nos volveremos a atopar".

Xunto a el, ademais do responsable de Los Sauces, atopábase o presidente do club, Santi Picallo, quen se referiu a Carlos Álvarez como "un referente non só na parte deportiva senón na académica. É esa figura e ese faro no que moitos compañeiros que están hoxe con el teñen que fixarse", asegurou.