A emoción do mellor ciclocrós europeo xa se deixa sentir en Pontevedra

Pontevedra
01 de novembro 2024

Os campionatos máster non se definiron ata a súa última volta, facendo que o público congregado no circuíto da Illa das Esculturas gozase do mellor ciclocrós de Europa

Carreira master no Campionato de Europa de Ciclocrós Federación Galega de Ciclismo

Os deportistas de categoría máster foron os primeiros en probar o circuíto deseñado na Illa das Esculturas para o Campionato de Europa de Ciclocrós que Pontevedra acolle toda esta fin de semana e que, xa no seu primeiro día, deixou grandes doses de espectáculo.

Foron as catro competicións con todos os grupos de idade as que se celebraron este venres e que gozaron dunha temperatura superior aos 20 graos e un tempo solleiro.

Non defraudou ningunha das catro mangas, xa que os campionatos non se definiron ata a súa última volta, facendo que o público congregado no circuíto gozase do mellor ciclocrós de Europa, servindo como punto de inicio dunha fin de semana inesquecible para Pontevedra.

Nesta xornada inaugural tres foron as medallas para os especialistas galegos. O porriñés Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) conquistou o título 60-64, a verinesa Marina González (Illas Cíes) colgou a prata 45-49; e o grovense Jorge Aguín (Supermercados Froiz) foi bronce 45-49. 

En canto aos novos campións de Europa, en máster 35-39 impuxéronse a francesa Emilie Petithory e o español Iñaki Carro; en máster 40-44, a estoniana Sille Puhu e o francés Valentin Cosnier; e en máster 45-49 os triunfos foron para os españois Felisa Ares e Isaac Suárez.

Carreira máster no Campionato de Europa de CiclocrósFederación Galega de Ciclismo

En máster 50-54 as vitorias foron para a francesa Maryline Vassal e o español Jordi Reñé; en máster 55-59 houbo dobre triunfo español con Teresa Infante e Joan Antoni Asensio; e en máster 60-64 a luxemburguesa Suzie Goddart e o galego Marcial Rodríguez levaron as medallas de ouro.

Pola súa banda, en máster 65-69 o neerlandés Peter Meerburg e a sueca Carina Börjesson venceron nas súas carreiras; e en máster 70-74 as vitorias foron para o español Juan Mariano Bárcena e para a francesa Christine Dufond.

Para rematar, en máster 75-79 o novo campión de Europa é o español José Simaes e en máster 80+ subiu ao máis alto do podio o británico Victor Barnett, o participante máis veterano de todo este campionato europeo.

Este sábado, o Campionato de Europa continuará en Pontevedra coa disputa da proba de Team Relay, ás tres da tarde, na que competirán as seleccións estatais de España, Francia, Italia e República Checa.