As olímpicas Támara Echegoyen e Antía Jácome non deixan de recibir recoñecementos. O último tivo lugar no Concello de Cerdedo-Cotobade onde o rexedor, Jorge Cubela, e membros do goberno local rendéronlles homenaxe polos seus logros en Tokio e para lembrar as súas raíces cotobadesas. "Son dúas veciñas deste municipio que conseguiron entrar na historia do deporte galego, español e mundial pola súa participación nos Xogos", destacan desde o Concello.
Cunha pancarta colgada do balcón do consistorio, o executivo municipal deu a benvida ás dúas deportistas que recibiron logo o recoñecemento no salón de plenos do inmoble.
"O orgullo que sinto como alcalde de poder recibir a dúas deportistas do noso municipio que fan historia e seguirán facéndoa non so polos seus magníficos resultados senón, sobre todo, pola súas cualidades humanas", subliñou o rexedor, quen as animou a seguir competindo "con ese xenio, esas gañas e, sobre todo, ese fair play que fai que todo o mundo siga con admiración os vosos progresos e os vosos logros".