Echávarri e Pacheco, lonxe dos primeiros postos

Pontevedra
12 de agosto 2016

O regatista pontevedrés e a súa compañeira no Nacra 17 de vela marchan na décimo quinta praza tras dous días de competición nos Xogos de Río. Aínda restan dúas xornadas de clasificatorias para tentar ascender posicións e chegar á Medal Race

Fernando Echávarri e Tara Pacheco nos Xogos Olímpicos de Río RFEV

Non están a marchar como esperaban as cousas para o pontevedrés Fernando Echávarri e a canaria Tara Pacheco nos Xogos Olímpicos, na clase Nacra 17 de vela.

Despois de dous días de regatas clasificatorias, Echávarri e Pacheco son décimo quintos na clasificación provisional, lonxe dos primeiros postos pero aínda con opcións de remontar nas dúas xornadas que restan de preliminares antes de afrontar a definitiva Medal Race.

O segundo día de competición arrincou cunha mala noticia para eles, unha descualificación na segunda proba da primeira xornada. 

Con todo empezaron ben cun quinto posto parcial, pero despois as cousas torcéronse e asinaron nas tres regatas restantes un posto 16, un 15 e un décimo.

Os líderes en Nacra 17 son polo momento os australianos Jason Waterhouse e Lisa Darmanin.