O soño do Club Cisne xa é unha realidade. O club pontevedrés é oficialmente, e por primeira vez na súa historia, equipo da Liga Asobal despois de que a Comisión Delegada da Real Federación Española de Balonmán ratificase o seu ascenso á máxima categoría.
A comisión federativa reuniuse á primeira hora da tarde deste luns para valorar a proposta da Xunta Directiva de dar por finalizada a tempada en todas as ligas nacionais, entre elas a División de Honra Prata, sen que se produzan descensos pero si mantendo os ascensos.
Coa primeira parte, os descensos, non existía demasiado problema, pero si se tiña que decidir aínda a quen e de que maneira adxudicábanse as dúas prazas de Asobal. O Cisne, como líder sólido da categoría, tiña todas as papeletas ao ocupar no momento da suspensión a única praza de ascenso directo, mentres que na segunda existía máis dúbida ao establecer as bases de competición que debía disputarse un play-off. Finalmente esa honra será de maneira directa para o Villa de Aranda, inmediato perseguidor dos pontevedreses.
Ao final, tras máis de tres horas e media de reunión o presidente da Federación Española, Francisco Blázquez, confirmaba o final de todas as competicións nacional, dando como vencedor da Liga Asobal ao Barcelona e certificando o ascenso tanto de Cisne como de Villa de Aranda.
Ademais un novo equipo da provincia dará o salto á División de Honra Plara, o Balonmán Lalín.