Duro correctivo do Viaxes Amarelle ao Poio Pescamar (6-1)

Poio
15 de outubro 2023

Duro correctivo para o Poio Pescamar ante o Viaxes Amarelle. O conxunto conserveiro sufriu unha dolorosa goleada no derbi galego na Coruña, onde o cadro local estivo moito máis acertado e terminou sentenciando nos últimos instantes de partido  

Partido de liga entre Poio Pescamar e Les Corts na Seca Cristina Saiz

Duro correctivo para o Poio Pescamar ante o Viaxes Amarelle. O conxunto conserveiro sufriu unha dolorosa goleada no derbi galego na Coruña, onde o cadro local estivo moito máis acertado e terminou sentenciando nos últimos instantes de partido.

O primeiro chute do partido foi para o cadro vermello, con Ale de Paz buscando portería aos dous minutos de xogo pero disparando moi centrado e sen problemas para a gardameta local. Tamén Laura Uña buscou pouco despois inclinar a balanza a favor do seu equipo cunha volea tras xogada de estratexia, pero o balón foise demasiado alto.

E aos cinco minutos, o combinado herculino adiantouse na que foi a súa primeiro chegada. Á saída dunha falta na frontal da área, Lau Doce cedeu en curto a Chuli, e a '17' sacou un potentísimo disparo imparable para Elena.

Co marcador en contra tentou o Poio Pescamar xogar tranquilo e trenzar xogadas desde atrás, pero a presión de Amarelle era demasiado alta e ás vermellas custáballes demasiado chegar con perigo a área rival.

Precisamente foi nun intento de saída de balón do cadro conserveiro cando, a falta de cinco minutos para a conclusión da primeira parte, Elia Gulli roubou a cartilla en área rival e a porta baleira fixo o 2-0 co que se alcanzou o descanso.

Recortou moi pronto distancias o Poio Pescamar, que saíu moi intenso dos vestiarios para tentar reverter a situación. E aos dous minutos, Laura Uña deixou de espuela á banda a Martita, que viu a Rocío Gómez entrar en segunda liña e esta de primeiras non perdoou e subiu o 2-1 ao luminoso.

Durou segundos a alegría ao equipo de López-Tulla que viu como o Amarelle volvía poñer terra polo medio. Cristina Loures recibiu na frontal un pase de María León e anotou o 3-1.

Buscou o equipo conserveiro recortar distancias, pero era incapaz de bater a un Viaxes Amarelle moi intenso que seguía téndoas de todas as cores e facía a falta de tres minutos para a conclusión o 4-1 por medio de Leti Rojo.

Optara minutos antes o Poio polo ataque de cinco, pero foi unha auténtica condena para o equipo. Claudia Nogueira subiu o 5-1 desde a súa propia portería e, a falta de 18 segundos, o conxunto herculino roubou na saída desde atrás do rival e por medio de Pau asinou o 6-1 co que sentenciou o encontro.