Duelo de xeiras positivas en Pasarón entre Pontevedra e Somozas

Pontevedra
05 de decembro 2015

O Pontevedra recibe en Pasarón este domingo (17:00 horas) ao Somozas, un equipo que como os granates comezou a liga de maneira irregular pero que agora encadea unha derrota nos últimos oito partidos, o que lle fixo ascender á oitava praza. Luisito perde a Adrián Mouriño por sanción

Jacobo e Pablo Carnero nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Jacobo e Pablo Carnero nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Pontevedra e Somozas miden este domingo no Estadio Municipal de Pasarón (17:00 horas) o seu bo momento de forma e resultados, que lles levou a ambos de comezar de maneira irregular a liga a situarse a un paso da zona de play-off de ascenso.

Tanto os granates, cunha derrota nos últimos nove partidos, como o cadro coruñés, cun partido perdido en oito xornadas, chegan lanzados a un derbi galego que pode consolidalos na zona nobre.

É a intención dun Pontevedra que quere facer bos, cun triunfo, os dous empates logrados de maneira consecutiva a domicilio.

Luisito espera atopar a un correúdo Somozas, que ademais recupera para a cita a dous homes craves tras cumprir un partido de sanción, como son David Añón e Antón de Vicente.

Pola súa banda o técnico granate, tras dar minutos aos menos habituais en Copa Federación, deberá decidir que xogador ocupa o posto no once do sancionado Adrián Mouriño, mentres Stili perde para o choque a Mateo Garcías, tamén por sanción.

Tras o último adestramento da semana, realizado na mañá deste sábado na Xunqueira, Luisito decidiu convocar a todos os seus xogadores, deixando os descartes para instantes antes de comezar o partido.

O encontro será arbitrado polo colexiado asturiano Pablo Fernández Pérez, auxiliado nas bandas por Juan Miguel Oses Arasa e Jonathan Romero García, e será televisado en directo pola segunda canle da Televisión de Galicia.