Duelo de altura para un necesitado Cisne, que recibe o domingo ao Ademar León

Pontevedra
24 de febreiro 2023

Os brancos reciben o domingo ás 18 horas no Municipal ao Ademar León, mentres que o Teucro fai o propio o sábado ás 20.30 cos canarios do Balonmán Ingenio

Partido entre Benidorm e Cisne Edwin Van’t Hek / Asobal

O Cisne segue buscando a súa primeira vitoria do ano. Este domingo, a partir das 18 horas no Municipal, terán unha nova oportunidade. Con todo, a misión será complicada porque o rival, o Ademar León, atópase na zona alta da táboa loitando por entrar en competición europea.

O equipo pontevedrés, que perdeu a pasada semana unha ocasión excepcional para reengancharse á carreira pola permanencia coa súa derrota en Santander, necesita reecontrarse coa vitoria para mentener viva a esperanza de manterse o próximo curso en Liga Asobal. 

Os brancos ocupan o último posto da táboa con sete puntos, a seis da salvación que marca o Frigoríficos do Morrazo e a 5 do Sinfín, en postos de promoción de descenso. Con todo, na Boa Vila aínda hai marxe para a esperanza, pero o tempo esgótase. A falta de 12 partidos para o final da liga, os de Márquez necesitan puntuar canto antes para evitar quedar máis descolgados. 

Nunha situación menos preocupante atópase o Teucro. Asentado na zona media da Primeira Nacional, o terceiro banzo do balonmán español, os azuis mídense este sábado ás 20.30 horas no Municipal ao equipo canario do Balonmán Ingenio.

Non será un partido fácil para os pontevedreses, que marchan en décima posición, porque os das Palmas ocupan a cuarta posición e acumulan seis vitorias consecurtivas, o que os converte en claros aspirantes a loitar polo ascenso.