A Illa das Esculturas acolleu este sábado a xornada inaugural a Copa de España de ciclocrós, primeira proba puntuable da tempada e que foi, ademais unha cita de categoría internacional C1.
Na cita matinal os gañadores foron Kevin Suárez (Nesta) e Lucía González (Nesta) nas probas elite; Raúl Mira (Teika) e Uxia Soto (Froiz) na júnior; e Miguel Rodríguez (Froiz) e Olivia Onesti (Star Casino), na sub23.
A competición arrancou ao redor das 11:30 horas coa proba junior masculina, primeira proba na que estaban en xogo os puntos da categoría internacional. Nela, os ciclistas do equipo valenciano Teika, Raúl Mira, Pablo Calvo e Iván Gomar, dominaron a carreira desde o inicio, onde só o galego Ricardo Buba (Coruxo) foi capaz de plantarlles cara, pero dúas caídas deixárono sen medalla.
Na última volta as distancias abríronse pero as posicións non cambiaron. Así, Mira fíxose co ouro, Calvo coa prata, e Gomar co bronce.
Pola súa banda, na feminina a gran vencedora foi Uxía Soto (Supermercados Froiz), Vania Rico foi segunda e Marta Bti, terceira.
En sub23 masculina, o claro gañador foi Miguel Rodríguez (Froiz), que asinou unha gran carreira dominando por diante de ciclistas internacional da talla de Gylles Cyprien e Luke Verburg, segundo e terceiro respectivamente. Rodríguez chegou en quinta posición na xeral.
Mentres, Olivia Onesti (Star Casino) chegou sexta na clasificación xeral pero foi primeira en sub23, por diante de Lydia Pinto (Nesta) e de Carla Fernández (Farto).
Xa na carreira elite, víase vir un duelo intenso entre Felipe Orts e Van der Poel, ao que se sumaron Kevin Suárez (Nesta), Iván Feijóo (BH Templo) e Miguel Rodríguez (Froiz), mostrando unha gran exhibición de remontada cando aínda non se alcanzou o ecuador de carreira.
Pero no tramo final, o alacantino Orts sufriu unha picada que lle obrigou a remontar para recuperar as súas opcións, deixando por detrás a un Feijóo que se vía subindo ao podio.
Foi Kevin Suárez o que pisou o acelerador na recta final, sprint que lle valeu para colgarse a medalla de ouro. Van der Poel chegou segundo e terceiro foi Orts.
En canto ás elite mulleres, a campioa de España, Lucía González (Nesta), atopouse cómoda desde a liña de saída, pero foi co paso das voltas cando ampliou a vantaxe sobre as súas perseguidoras e impúxose en case un minuto sobre Aída Nuño (Lointek) e a belga Laura Verdonschoft.