Dous ouros e dúas pratas na primeira xornada do Campionato de España Maratón

Pontevedra
17 de agosto 2019

Manu Garrido e Elisabeth Álvarez conseguen rematar na primeira posición en C1 e K1, respectivamente, ademais das dúas segundas prazas de Diego Romero e Pablo Crespo

Campionato de España de Piragüismo en distancia Maratón RFE Piragüismo

O río Lérez acolle, durante esta fin de semana, o Campionato de España de Piragüismo en distancia Maratón, no que toman parte ao redor de 800 deportistas procedentes de diferentes zonas de España

A cita, que recibe a padeeiros, tanto da modalidade canoa como kaiak, desenvólvese no tramo comprendido entre a ponte dos Tirantes, onde se situou o pantalán de acceso para os atletas, e a ponte do tren. 

A actividade da primeira xornada comezou ao redor das 9:00 da mañá coa proba masculina de K1 en 22.600 metros. Nesta ocasión, Joaquín Iglesias, do Piragüismo Verducido-Pontillón, conseguiu terminar na terceira praza, só por detrás de Alberto Llera, do Sella, e Rubén Rodríguez, do Villaviciosa. Ao pontevedrés seguiuno o seu compañeiro Miguel Paz, que finalizou en 1:31:45,63.

A continuación, foi a quenda das mulleres de modalidade K1 en 19.000 metros xuvenil. Ningunha pontevedresa logrou coarse no podio e, pola súa banda, Fátima Moreira, Adriana Quevedo e Alejandra Manso finalizaron en novena, décima e undécima posición, respectivamente. O ouro foi para Celia Toledo, do Piragüismo Cuenca.

En C1, tamén xuvenil e 19.000 metros, o pontevedrés Pablo Crespo conseguiu subirse ao segundo chanzo do podio, ao cruzar a liña de meta só por detrás de León Villalba, do Piragüismo Aranjuez. O bronce foi para Víctor Blanco, do Ciudad de Zamora. Santiago Nicolás Gómez, do EP Pontevedra, terminou en cuarta posición despois de 1:38:07.94. Na mesma disciplina, pero en 11.800 metros, Nuria Rodiño, tamén da escadra pontevedresa, conseguiu o bronce , por detrás de Laura María Olaya, do Aranxuez, e Iria Romero, do Pontecesures.

Jenifer Casal, do EP Pontevedra, logrou o ouro na proba feminina sénior de 15.400 metros en modalidade C1. Fíxoo nun tempo de 1:29:38.91, seguida de Raquel Rodríguez, do CP Portonovo, María Ramal, do Aranjuez, e, finalmente, Cristina San Juan, do Club Deportivo Cisne. Diego Romero, do Breogán, fixo o seu na correspondente proba masculina (26.200 metros), ao finalizar en segunda posición, tan só por detrás de Manu Garrido, do Kaiak Tudense.

Pola súa banda, Tania Elisabeth Álvarez, do Breogán, conseguiu o ouro en K1 sénior (26.200 metros). O podio completárono Aurora Figueras, do Banyoles, e a vasca Irati Osa.

Consulta todos os resultados da primeira xornada do Campionato de España Maratón.